Inicio Blog Camiñar polas estrelas xa é un pouco máis posible

Camiñar polas estrelas xa é un pouco máis posible

Martes, 19 de decembro de 2017

Este luns foi presentada no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela a Senda das Estrelas, un proxecto feito para replantexar o concepto de Camiño, pensado en realizar etapas curtas para centrarse máis en todas esas pequenas cousas que rodean ao traxecto e que o converten en algo realmente máxico.

O acto contou coa presenza de José Luis Maestro, Director de Competitividade de Turismo de Galicia, e diferentes personalidades adicaron unhas palabras a un proxecto que, como recoñeceu Maestro, é especial “pola xente e polo territorio do que falamos”. Para detallar a ruta a nivel técnico, estivo presente Fran Calo, da asociación Amigos do Camiño por Muros-Noia. Dela destacou que certos camiños, coma o que une Cee con Muros, nin sequera existían, “houbo que facelos especialmente para a ocasión”. Calo realizou un enorme traballo de localización e documentación en máis de 230 quilómetros de trazado moi flexibles, xa que se poden realizar a pé, a cabalo ou en bicicleta, e que contan “cunha gran beleza e cantidade de patrimonio”, sentenciou.

O xerente de Do Artesanato, Manuel Lema, non quixo deixar pasar a oportunidade de reivindicar que a Senda das Estrelas é un proxecto que leva gran parte da esencia de Do Artesanato, cunha filosofía impregnada moi parecida á desta entidade. Pola súa parte, Sol Agra, da Asociación de Hostaleiros da ría de Muros e Noia, destacou que “é unha iniciativa que beneficia a todos os empresarios da zona, sexan ou non pertencentes ó proxecto a día de hoxe ”.

Senda das Estrelas está orientado a facer do senderismo un pracer, unha actividade que repare o corpo e a mente. Tendo a incomparable paisaxe da ruta entre Compostela e Fisterra como vista privilexiada e acompañamento constante, trátase dunha ruta circular, pois non é unha viaxe tan só de ida. Poderás ir ata a fin do mundo e volver, gozando polo camiño da gastronomía, do bo descanso, da relaxación e da plenitude que dá sentirse ben e en harmonía coa natureza.

Neste proxecto, no que dende Do Artesanato estamos moi involucrados xunto a outros profesionais do sector turístico (como o Hotel Alén do Mar e o Restaurante Ríos, tamén presentes no acto) farás un percorrido polo paralelo 42 seguindo a dirección do Sol ata acabar a viaxe de ida no finisterrae. Regresarás a Santiago polo Camiño Inglés, percorrendo a ría de Muros e Noia, a chamada ría da Estrela, para rematar na cidade das cinco estrelas, que levarás para sempre contigo.